Camiño Xacobeo Miñoto - Ribeiro

Etapa 5: Ribadavia - Pazos de Arenteiro

Ribadavia - Pazos de Arenteiro

Datos:

Lonxitude: 19,70 Km.
Dificultade: Media
Duración estimada: 4h 16 min.
Descargar roteiro: (Kml) Premer aquí.
Partimos da histórica vila de Ribadavia. De nobre pasado, alzada sobre unha atalaia natural e divisando o río Avia e o Miño, conserva un interesante conxunto arquitectónico medieval e moderno. O Camiño continúa por un vello roteiro, dirección Beade e ao Mosteiro de San Clodio ata o final desta etapa, en Pazos de Arenteiro - Boborás.

Tramo 1: Ribadavia - Beade

  • Lonxitude: 5,5 Km.
  • Dificultade: Media
  • Duración estimada: 1 h. 12 min.
Despois de pasar por varias rúas do Centro histórico, sáese pola antiga porta da rúa dos Ferreiros en dirección a San Cristovo de Regodeigón polo camiño real. A uns 600 metros cóllese un desvío para chegar ata a ponte medieval de A Veronza e desde a cal seguimos pola marxe dereita do río Avia ata chegar a un desvío que nos leva ata un peto de ánimas en San Cristovo, desde esta aldea, collemos pista asfaltada en dirección norte, antiga verea real e hoxe chamada A Congostra que nos leva ata a capela da Compaixón pasando antes polos restos dun eremitorio medieval (figura no inventario de Patrimonio). Desde alí o camiño prosegue pola parte alta ata chegar á zona antiga do núcleo de Beade.

Tramo 2: Beade - San Clodio

  • Lonxitude: 5,5 Km.
  • Dificultade: Media
  • Duración estimada: 1 h. 12 min.
Desde Beade, configurado por rúas estreitas e construcións importantes relacionadas coa explotación do viño, onde aínda se poden observar restos do seu armazón medieval, proseguindo polo centro da aldea e en dirección norte chegamos ata a capela de San Roque e desde alí ata a igrexa parroquial e a reitoral, antiga sede de Encomenda de Beade. Desde aquí, seguimos por pista asfaltada (antigo camiño real de Bieite [Vieite] a Beade) en dirección norte ata chegar á aldea de Bieite (Vieite), sóbese pola rúa que vai ata a igrexa parroquial e seguimos ascendendo pola parte alta da aldea ata que collemos desvío en dirección norte por un camiño, con tramos de terra e lousado entre bancais de viñas, ata chegar á aldea abandonada do Ibedo para seguir por verea real e antiga, entre muros e cun ancho duns 4 metros con apartadoiros en distintos puntos ata chegar á aldea de Barzamedelle pola que se descende en dirección a un  cruceiro do século XVII que está á beira da ponte de San Clodio de finais do  XV. Unha vez cruzado a ponte pasamos pola aldea da Ponte coa capela de San Antón e por camiño real chegamos ata o Mosteiro de San Clodio.

Tramo 3: San Clodio - Pazos de Arenteiro

  • Lonxitude: 8,7 Km.
  • Dificultade: Media
  • Duración estimada: 1 h. 53 min.
O roteiro segue pola zona de Esperela e Cubilledo ata preto da igrexa parroquial de Gomariz, do século XII e da granxa de Gomariz, adega medieval con decoración románica que xa aparece na documentación do século XI. A partir de aquí, o camiño diríxese ata a aldea de Fonteantiga (O Carballiño), topónimo que fai referencia a unha antiga fonte xunto con outro micro-topónimo denominado Mesón que faría referencia a unha edificación destinada a pensión e parada de arrieiros do viño.

Desde a aldea de Fonteantiga cruzamos un  pontón de formigón (hai anos había un de pedra que se derrubou a causa dunha riada), seguimos polo camiño entre bancais de viñas chegando á aldea abandonada do Barón Pequeno na que se localiza unha adega histórica que segundo a documentación pertenceu ao mosteiro de Acibeiro e que na entrada ten esculpida unha cuncha de vieira (lado esquerdo) e un reberete (lado dereito) do século XVI.

Seguindo o camiño ascendente entre bancais de viñas chegamos ata o cruceiro de Viñoá e desde alí ata outro que vai preto da igrexa de Santa Baia de Banga que acolle no interior as imaxes, en pedra, de tres Santiagos Peregrinos, un deles coroando o arco de acceso á capela na que está enterrado un membro da Casa dos Sarmiento. O roteiro segue por camiño de terra (modificando o ancho e capa de rodeira do antigo) ata chegar á aldea de Cima de Vila, con restos romanos dunha posible villae e con adegas históricas de varios mosteiros, collendo un camiño descendente, entre muros e en parte lousado cun ancho duns 3 metros ata chegar á aldea de Cabanelas na que se localizan varias adegas históricas pertencentes a varios mosteiros e á Orde do Santo Sepulcro e tres antigas construcións con vieiras nas portas de acceso e nas fachadas, iguais que a atopada no Barón Pequeno.

O camiño descende abandonando a aldea entre muros e lousado cun ancho dun 2,5 m, con apartadoiros e entre bancais de viñas abandonadas, chega ata a ponte do Santo Sepulcro en Pazos de Arenteiro, de orixe medieval e que ten esculpido na clave do arco central a figura dun camiñante, que ben podería ser a de Santiago Peregrino e ao núcleo de Pazos de Arenteiro por camiño lousado (tramo medieval protexido). Nesta aldea, declarada Conxunto Histórico- Artístico, atopamos a igrexa de estilo románico (século XII) o edificio de Encomenda de Pazos de Arenteiro (hospitalaria) xunto con outras grandes edificacións (pazos) que fan deste lugar un enclave fundamental ao longo da Idade Media e Moderna.

Galería de fotos:

Documentos:

Ligazóns:

Enderezo
Rúa Otero Novas, 1
32200 Cortegada (Ourense) - Galicia
Email

info@caminominotoribeiro.com

Na nosa web utilízanse cookies propias e de terceiros con finalidade analítica e de márketing. Para continuar navegando é necesario aceptar a política de cookies.
Política de Cookies Aceptar